Nunha Presa de Terra

Paco Castro Alvaredo · Laiovento

Ver Precio
Envío a todo Argentina

Reseña del libro

Esta é unha novela con moitas máis cousas, pero eu fíxome sobre todo nunha: a portentosa descrición da vida labrega de cando Paco Castro e mais eu eramos tamén nenos labregos, el por terras do Incio e eu pola Terra Chá, que ó fin e ó cabo vénvos sendo o mesmo. Pero aquí non hai ningún etnografismo, hai vida. Os personaxes son verdadeiros: son persoas, non tipos. Eu non os coñecín, pero recoñézoos con todas as súas luces e sombras, con todas as súas infinitas facetas: o pai atormentado polo seu alcoholismo irremediable, a prodixiosa mai intelixente e valorosa e triste, o amor imperfecto pero fatídico entre os dous, a esperanza terque no futuro. E o neno que medra e cambia. E a vida tal como é, ou como era. Coincide o tempo desta novela cunha mudanza feroz: Paco Castro e mais eu nacemos case na agricultura neolítica, e nos anos da nosa infancia e mocidade unha cultura milenaria foi destruída sen dar lugar a algunha cousa nova e propia, senón a unha aculturación, a unha asimilación, a unha colonización. Isto é algo que tamén conta John Berger de sitios que chamamos Francia. É o mesmo: Paco Castro cóntao de nós, e tampouco non fai etnografía, porque el está radicalmente da parte de dentro. Podiamos meternos en comparanzas, pero isto é diferente: diferente das grandes novelas de nenos labregos da nosa literatura, que son, digo eu, as Aventuras de Alberte Quiñoi e as Memorias dun neno labrego. Isto é outra cousa: está máis preto de nós. E doe máis. Cantas veces pensaría eu en escribir unha novela así, e nunca me atrevín! Grazas a Paco Castro por escribila e darma a ler. Darío Xohán Cabana

Opiniones del Libro

Opiniones sobre Buscalibre

Ver más opiniones de clientes